CREATIVIDADE?

Acción— u-la creatividade??

Pasar a un acto provinte ben da reflexión ou ben do fastío do baleiro nos ollos de arañeiras de baba. Procura da pulsión e da compulsión fuxidas dentro dunhas rutinas ingratas onde todo é paz e fume. Aprisionado na lúgubre sombra da inoperancia por mor de drogas aletargantes que adormecen ao monstro mais tamén ao mago.
Non hai unha procura de operancia como sinónimo desa produtividade embriagadora de desfeitos sen sentido. Esa produtividade mercantil e acumulativa que propicia o capital. Esa escravitude que conduce á espiral do traballo verdadeiro amo e señor da destrución da terra, dos animais e do ser humano mesmo. A procura vai en dirección ás fendas onde en forma de relámpago trousar e asestar verdadeira carne magra sen clembuterol para escapar por elas e romper as dinámicas e fíos que nos teñen atados de pés e mans neste espectáculo consentido por todos nós.
Acción no espazo articulando o noso corpo e mente, coa nosa enerxía liberadora do ben e do mal, cara múltiples direccións sen máis recapacitación que a crenza nos nosos obxectivos creadores ou descreadores.
Unha medicación mistificada e mitificada, un rotulador, un caderno de matemáticas dun curso abortado, cinceiro e tabaco. Gañas de cuspir.
Dura uns minutos. Escapada rauda da loucura da nada. Inmersión a cachón da cachola na lama. Saboreas a rabia. Un intre histórico dentro dun día de escravitude, gañarlle a partida á rutina é difícil na lúgubre sombra. Estar sometidos é o suicidio ao que nos teñen dirixidos.