Presentación “Un xardín de medio lado” + Wordsnoise

O xoves 7 de novembro cunha boa tromba en Compostela e na Galiza en xeral, ademais comezaba o frío, fomos quentarnos tod@s á Casa do Taberneiro na rúa de San Pedro. Alí celebrouse, con moito brinde, a presentación do libro Un xardín de medio lado, a antoloxía dos dezasete poetas que ata ese momento tiña publicad@s Urutau, a editora oasis en expansión, creadora de conxuncións e encontro poético.
Na xornada de reflexión lembrámolo desde expoplanetarium porque é o millor que se pode facer nun día como este.
Á celebración acudiron os e as poetas Carla Carbatti, Alfonso Rodríguez, Arancha Nogueira, Cristina Corral Soilán, Moncho Iglesias, Gaspar Domínguez (o anfitrión) e Manuel Miragaia. Wladimir Vaz da Urutau presentou o proxecto ademais de ler algún poema da antoloxía e as poetas falamos de nós e da nosa poética, lendo algunhas cousiñas e baixándonos os viños e as cervexas entre brinde e brinde. Voe! Evoé!
Para rematar Wordsnoise, o dúo cósmico-performático da cidade das burgas, fixo bastante ruído, algún case inaudible, e todas contentas fomos para abaixo da taberna a repoñer forzas.
As fotos e o vídeo son de Adriana Pérez.

Podes conseguir o libro na web de Urutau!