Exposición “ART SEMI-SEC”

Arte dixital de minux no Ollo Ledo, Ourense. Febreiro de 2010.

Ou a necesidade de expoñer con e sen pudor as contradicións da falsidade e sinceridade do poeta visual quen sen máis ou menos pretensión tenta apuntalar os tecidos en retallos dunha materia dixital; oculta entre as súas ramificacións destílase a mitificación da mentira e da verdade en forma de manipulación das pretendidas obras que non son máis que froito do artesanado iniciático dunha maxia de aprendiz.

Interpretacións de realidades xurdidas de tomas fotográficas ou baixadas da rede das redes ou composicións de lenzos dixitais enchidos de cores vectoriais. Todo gracias ás máquinas pero tamén ao cerebro e mans. Aos momentos xustos e necesarios xurdidos dunha creatividade semiseca que non chega a bruta mais tampouco a seca. Cunha graduación elevada mais terreal xurdida moitas veces da rabia e outras da desesperación do baleiro e a ofuscación, tentando mostrar todas estas sensacións e algunhas máis, incluídos os puntos de vista éticos e estéticos vivenciados polo protagonista que reflexa en cada instante manipulado a propia manipulación da realidade contida en todos nós debido en boa parte a unha manipulación maior que nos é imposta.

Tamén é a procura anti-comercial partindo de parámetros e ferramentas que representan todo o contrario. De novo a contradición. Estaremos equivocados os farsantes poetas?

Poesía visual do desamparo. Vulnerable e catódica incluída na rede das redes dende hai anos na web http://expoplanetarium.net onde sumando esforzos con outra artista farsante cuspimos de cando en vez as nosas fortalezas e debilidades neste mundo case marxinal da creatividade invisible.

O mundo está nas nosas mans o malo é que non sabemos que facer con el… ou coas nosas mans! Seguiremos bebendo champagne a ver que ocorre…

artsemisec-olloledo