ALFABETO & ENCLAUSTRADO

praia-mar
No acantilado colócanse as carpas do circo. Moi preto do borde para que o vento, que trae o mar descoloque as lonas e se poidan ver ás feras que morden os barrotes mentres dormen.

Un día soñei cun tigre que camiñaba sobre o mar revolto en liña recta.
Un día soñei coa boca dun crocodilo enorme que me miraba fixamente. Estaba moi preto.
Un día naufragou o circo porque o acantilado rompeuse cunha onda xigante.

Sempre haberá tsunamis dos que escapar correndo á montaña.

Esperaban no coche a que a miña avoa decidise que abanico mercar. Eu queríallo regalar pero tiña que coller o que máis lle gustase. A onda estaba moi preto.

Eu sei, porque o vin, que baixo a carpa hai agochado un caixón de madeira no que gardan aos nenos dos outros.
Eu sei que o crocodilo era un cromo pegado sobre unha foto en branco e negro. Era verde e a súa lingua vermella.
Eu sei que camiñar amodo é como nadar cando as ondas chocan coas gaiolas para abrilas.

Na beira véxoo todo e non me chega a escuma.

Tiven que saír correndo sobre as carpas e gaiolas que se fundían pola miña culpa.
Tiven que volver buscar a miña nai porque ela non se atrevía a baixar rachando a lona.

No ceo vénse as vidas dos homes que cando morren vanse disipando como fume.
No ceo, pola noite, vénse os soños dos que dormen.

Eu teño soños reais logo.
Eu teño corazóns para comer con patacas.
Eu teño un paxaro felino que espiou un día un dos meus soños.
Eu teño un amor tan grande que me doe a cabeza.

Alfabeto é unha árbore que nace nos acantilados.
Os acantilados están aí dende que se rompeu a montaña.
Na montaña, no alto, tiña a miña casa.
A miña casa era de outro.
Outro que eran moitos.

Quero a un violador que colga a roupa na cova da praia.

Na praia vin un puma que asustei cun berro.

Berro porque non sei falar, porque son analfabeto.


canceira
Como o corazón do can rabioso
Camiñamos rápido
Como a non identidade do encontrado
Maldita merda
A que tes que comerte
Vivir ancorado
Sen fillos
Sen can
Con fillas Con medo
Maldita merda
Pésame o corpo
Escoitar ao que fala para aprender?
Para sentir.


gatos
Vivir nun búnker
Nos oídos rebota o vento
Como o sol na antártida
Non serve de nada
Medo a ser insensible
Ser insensible por necesidade
Diario do enclaustrado

Etiquetas: